A Asociación Cultural de Chapela reúnese coa concelleira de cultura Rita Pérez para reivindicar entre outras demandas mais espazos culturais para os colectivos de Chapela

A Asociación cultural de Chapela solicita ao goberno local que dote esta parroquia de espazos axeitados para desenvolver as súas actividades. Neste sentido entenden urxente recuperar como aula a antiga cafetería do Multiúsos do Piñeiral e que este edificio conte cun conserxe en horario de mañá. Reclaman tamén que se poñan en marcha os consellos parroquiais e se manteñan as posibles inversións de Zona Franca na parroquia. Finalmente instan a traballar na posta en marcha da primeira Escola oficial de danza.

Unhas demandas que lle trasladaron á edil de cultura, Rita Pérez nunha xuntanza que se prolongou durante máis de tres horas e na que fixo especial fincapé na necesidade de novos espazos culturais polo que lle solicitaron “que se inclúan nos próximos orzamentos  municipais unha partida para dar unha solución definitiva a este problema, e que se estuden as mellores alternativas, sempre consensuadas cos colectivos implicados coa cultura en Chapela”.

Como acción inmediata reclaman que a antiga aula da cafetería pase a empregarse como aula

Tamén en referencia o Multiusos de Chapela solicitan a posibilidade de contar cun conserxe ante o aumento de actividades no centro en horario matinal e que de forma provisional se acondicionen espazos no edificio para atender as necesidades da Asociación de montes e a AP-9 tras o derrube das súas antigas instalacións.

Outro dos puntos a tratar foi a necesidade de volver convocar os consellos parroquiais e que se poñan en marcha de novo os presupostos participativos “a disposición das necesidades da parroquia” e que as posibles inversión de Zona Franca no concello se sigan mantendo en Chapela “como inicialmente estaba previsto rexeitando de forma contundente que esas inversións se desvíen o centro da vila en prexuizo da parroquia”.

Escola de danza

Finalmente a Asociación Cultural presentou un ambicioso  proxecto para dotar a Redondela da primeira escola oficial de Danza, que entenden tería unha alta demanda e sería un motor económico coa creación de postos traballo.

Dende a entidade agradeceron o compromiso e a “boa disponibilidade” amosada pola concelleira en todas estas demandas.