Presentación da Banda de Música de Chapela

A escola da Banda de Música de Chapela comeza a súa andaina a principios de outubro do ano 1991, da man dun grupo de persoas amantes da música, co fin de formar en Chapela a súa primeira Banda de Música, xa que na historia desta localidade nunca contaran con ningunha agrupación musical deste tipo.

Despois de máis de 3 anos de intensas clases, o 11 de febreiro de 1995 fai a súa presentación oficial a “Banda de Música Xuvenil de Chapela”, sendo o seu director Juan Carlos Díaz Álvarez. Esta presentación estivo apadriñada pola “Agrupación Musical do Rosal”, e tivo como banda convidada a “Banda-Escola de Música de Beade”.

Xa no seus primeiros anos de vida, a Banda de Música de Chapela percorreu gran parte do territorio galego, pero tamén traspasou as nosas fronteiras e actuou en Portugal, Asturias, Castela e León, Murcia, Madrid, etc. Tamén participou en diversos certames e festivais como o “VII Festival de Bandas de Música do Rosal”, Certame de Cangas, Tui, Marín, Ponteledesma, Xinzo, etc.

Cómpre salientar que no seu primeiro ano de vida (1996), realizou unha xira por Venezuela, na que actuou en varios centros culturais deste país (Caracas, Chacao, Puerto Ordaz, Valencia, Barquisimeto, Ciudad Bolívar, etc.). Tamén gravou, neste mesmo ano, un compacto no que se inclúen pezas variadas; acompañou á soprano Nuria Lorenzo na gravación do seu disco e, máis tarde, nunha pequena xira pola nosa provincia en 1999, realizou un intercambio coa Banda de Música de Viveiro, coa que fixeron concertos conxuntos nos que chegaron a tocar nun mesmo escenario máis de 110 músicos.

En maio do ano 2000, Juan Carlos Díaz Álvarez deixa a batuta e faise cargo dela Lourenço Filipe da Silva Cruz ata febreiro de 2003. Baixo a súa dirección participan no ano 2001 no “XI Certamen Nacional de Bandas de Música Ciudad de Murcia”, celebrado no “Teatro Romea” no cal acadan un meritorio Segundo Premio, competindo coas máis prestixiosas bandas de Granada, Valencia e Alicante.

En xullo do ano 2003 realizan unha viaxe a Madrid para participar na celebración do día de Galicia, organizado polo Centro Galego de Madrid, e ofrecen un concerto na Praza Maior desta cidade.

En febreiro do ano 2003 faise cargo da batuta Francisco Abal Rosales, co cal participan por primeira vez no III Certame Provincial de Bandas de Música Populares “Deputación Provincial de Pontevedra” no que acadaron o 3° premio na sección 3ª.

Tamén nos anos 2005 e 2006 participa na V e VI edición do mesmo certame, nas que obtivo o 2º premio na sección terceira en ambas as dúas edicións.

Dende o ano 2007 ó 2010 a Banda de Música de Chapela foi dirixida por Severino Pedrosa Núñez. No mes de setembro de 2009 participou no “I Encontro de Bandas de Música Españolas”, que se celebrou en Marina D´Or, sendo a única banda representante da comunidade galega. En 2010 participa por primeira vez no Certame Galego de Bandas de Música, no que acadou o 2º premio na sección 3ª, e ese mesmo ano a Banda de Música de Chapela consegue o 1º Premio na sección 3ª no certame zonal da Deputación de Pontevedra, celebrado no auditorio de Tui.

En setembro de 2011 faise cargo da dirección Santiago Barreira Davila, considerado un dos directores de bandas de música máis novos de Galicia, e baixo a súa dirección, en xuño de 2013, estrean dúas marchas procesionais inéditas do célebre compositor galego Reveriano Soutullo, recuperadas pola Fundación Reveriano Soutullo con arranxos do musicólogo Javier Jurado: “La Hostia Sagrada” e “Al Santísimo Sacramento”. En outubro dese mesmo ano dous vídeos gravados en directo, onde a banda interpreta as dúas marchas, xunto con outro onde interpretan o pasodobre “Redondela”, do mesmo compositor, pasan a formar parte da exposición itinerante “Unha vida para música”, exposición que mostra a vida e a obra do compositor ponteareán.

O 14 de decembro de 2013 a Banda de Música de Chapela presenta o seu 2º CD, “18 años en clave musical”, unha recompilación de parte do traballo musical realizado pola formación durante os seus 18 anos de vida.

En abril de 2014 pon a música á X edición do Festival nacional de curtametraxes “Redondela en curto”, co programa titulado ”Batutas e Claquetas”, un concerto de bandas sonoras de filmes creado expresamente para esta ocasión, que interpretou durante a celebración de dito festival en distintas prazas de Redondela.

En xullo de 2014, nun intercambio coa banda asturiana “Lira de Luarca”, únense as dúas bandas baixo a batuta conxunta dos dous directores, que alternan a dirección de distintas pezas do repertorio de cada unha, contando con máis de 100 músicos sobre o mesmo escenario.

O 18 de decembro do 2014 Santiago Barreira Davila deixa a dirección da banda cun emotivo concerto no que se presenta a obra “Poema de Arealonga“, obra encargada polo director ao compositor Ángel Montes como agasallo á Banda de Música de Chapela. A obra, escrita expresamente para a Banda de Música de Chapela, é a primeira adicada á parroquia da que leva o seu nome, e describe paisaxes, costumes, xentes e feitos históricos como a batalla de Rande, acontecidos nas costas de Chapela. Nese mesmo concerto entrégaselle a batuta oficialmente ao novo director, Andrés Álvarez Hernández.

No ano 2016 a Banda de Música de Chapela e dentro da programación de verán do concello de redondela realiza un concerto na praza da torre co grupo de percusión Odaiko , concerto que repetirá no 2017 na alameda de Chapela.

no ano 2018 pon a súa música no concurso internacional de baile Vigo- Porte, e xunto á compañía de baile porte poñen sobre o escenario o espectáculo Carmina Burana. No ano 2019  na edición do mesmo concurso presenta unha parte do seu novo espectáculo "Música e Danzas do Mundo" espectáculo que en maio dese mesmo ano estrea en Chapela xunto tamén coa Compañia de Baile Porte 

En xullo do 2019 participa no festival internacional "ciudad de Benavente"

No Ano 2020 dentro dá celebración do día dás letras galegas, organizado polo concello de Redondela,presentan en Chapela o concerto "Pelepau sinfónico" onde acompañan o coñecido grupo de Música tradicional Pelepau conseguindo reunir non paseo de Chapela a mais de 2000 espectadores

Na actualidade a “Banda de Música de Chapela” conta con máis de 40 músicos, con idades comprendidas entre os 9 e os 45 anos. Ademais conta na súa escola de música con 240 alumnos con idades comprendidas entre os 0 e os 70 anos, e impártense clases de música tradicional, clásica e moderna. Parte deste alumnado pasará pronto a formar parte da mesma agrupación.