Diario de Pontevedra - A cultura vive en Chapela

Os conxuntos Os Xuveniles e Fonte de Ouro, de gaitas e baile tradicional, respectivamente, formáronse no seo da Asociación Cultural e Social de Chapela. Os seus fundadores decidiron, hai xa 21 anos, fomentar a cultura tradicional e folclórica e demais actividades culturais nesta parroquia de Redondela, pois pensaron que daquela non eran moi abundantes, á parte de que eran moi desexadas polos todo o vecindario.

Tras máis de dúas décadas de vida, na actualidade o programa da asociación comprende decenas de actividades para todas as idades, á vez que tamén dá cabida ás agrupacións de música folclórica máis importantes de Chapela, que manteñen a tradición galega e específica desta zona, sen esquecer a mocidade e a importancia das redes sociais e Internet. Así, ten unha forte presenza e actividade en sitios como Facebook (onde se poden atopar como 'Asc Culturaldechapela'), onde anuncian de forma periódica os seus cursos e eventos, así como festivais, proxeccións ou obras sociais.

O último en incorporarse á asociación, o grupo de baile Fonte de Ouro, cumpriu o pasado mes de maio a maioría de idade. No mesmo mes de 1994, Carmen Pérez Alonso impulsou a creación do conxunto como un pasatempo para as nais mentres os seus fillos ensaiaban no conxunto Xente Nova, o cal tamén pertence á mesma asociación. Sen embargo, en moi pouco tempo pasou de ser unha actividade para que as nais se divertisen e situouse a un alto nivel, polo que decidiron tomalo máis en serio.

Xa dende a súa creación, os integrantes de Fonte do Ouro comezaron a viaxar e facer intercambios con outras agrupacións, como as portuguesas Grupo Folklórico de Santa Cristina de Longos e o Grupo Creimoxil-Guimarães, entre outros. Ademais, dedícanse a outras actividades coma a organización de festivais folclóricos e intercambios con outros grupos de Portugal: Coimbra, Lisboa ou Guimarães. Así mesmo, realizan convenios interparroquiais en Galicia e actúan en diversas festas e romarías.

Actualmente, o conxunto está formado por 20 mulleres -nunca houbo homes-, con idades comprendidas entre os 30 e os 60 anos. Estase a formar tamén outro grupo cos máis pequenos da localidade, cativos de entre catro e sete anos. O seu mestre é Santiago Almunia.

Pola súa banda, o Grupo de Gaitas Os Xuveniles conta xa con dúas décadas ás súas costas, xa que foi en maio de 1992 cando Manolo González Cruces, baixo o apadriñamento do grupo de gaitas Refolaveixo (pertencente á Asociación de Veciños de Candeán), deu comezo a este conxunto musical en Chapela.

Actualmente é o mestre Abraham Fernández López o que leva a batuta do grupo, aínda que ó longo destas dúas décadas, recentemente cumpridas, pasaron pola dirección desta agrupación os mestres Manuel Oliveira Rodríguez, Telmo Costas Comesaña, Alberto Miranda Sanrromán e Diego Mariño.

Acompañamento | O grupo Os Xuveniles é o encargado de facer o acompañamento musical a varios dos seus irmáns de asociación. Fonte do Ouro, Semente Nova (un grupo de pandeiretas) e o grupo de baile Xente Nova son os coprotagonistas nestas actuacións, aínda que tamén teñen feito outras viaxes a festas e certames en Galicia e Portugal pola súa conta, como, por exemplo, os intercambios culturais con outras agrupacións, nos que se comparten as diferentes tradicións características das diversas bandas de Galicia e Portugal.

A importancia destes grupos radica nas tarefas de conservación e ensino que realizan os seus compoñentes e profesores. Sen este labor dos grupos folclóricos non existirían vías de ensino das tradicións e actos festivos de Galicia. Aínda que a maioría están formados por grupos de avanzada idade, os cales están máis familiarizados coas tradicións, os bailes e vestimentas, os máis pequenos tamén teñen o seu oco, dende clases de baile ou música tradicionais ata os grupos que se están a formar no seo da Asociación Cultural e Social de Chapela, cuxas fronteiras se amplían gracias ós intercambios.

Santiago Almunia Costas é o mestre do grupo de baile Fonte do Ouro. Dende a súa incorporación, o conxunto fixo diversas viaxes e intercambios, e está a preparar novos proxectos para o futuro. Aínda que noutro tempo existían diferentes grupos en canto ás idades dos bailaríns, "co tempo foron desaparecendo os grupos dos ‘medianos’ e pequenos. A maioría agora son mulleres de entre 30 e 60 anos. Somos arredor de 20 compoñentes". Sen embargo, Santiago está empeñado en involucrar á xuventude e está impulsando a creación dun grupo de nenos pequenos.

O grupo de gaitas da mesma asociación, Os Xuveniles, é o que sempre fai o acompañamento musical para o conxunto de baile. A pesares de que tamén tocan de forma independente, non parecen ter ningún problema á hora de coordinarse. Santiago conta que ás veces é el mesmo quen ten os problemas, xa que tamén dirixe outros conxuntos.

Bos recordos

Cando se lle pregunta polos momentos malos que pasaron en Fonte de Ouro el mesmo e os outros compoñentes, o mestre Santiago dubida un bo anaco. "Case ningún, sinceramente. Non teño ningún recordo malo", sentencia. En canto se alude ós bos, non tarda nin un segundo en responder: "sempre estamos alegres e gozamos moito co que facemos. O mellor son as viaxes e as festas. Débolle moito ó baile". Dende que Santiago Almunia está á cabeza do grupo, percorreron moitos lugares da xeografía galega, así como de fora das súas fronteiras, en Portugal.

Ademais das diferentes festas folclóricas e romarías, o mestre destaca os intercambios folclóricos. Estes eventos están formados por unhas xornadas nas que varios grupos de baile ou música viaxan ós lugares de orixe doutros para compartir as diferentes tradicións, bailes e comidas típicas. "Se son preto de Redondela imos e volvemos no mesmo día. Collemos un autobús e convídannos a comer, facemos un desfile e a actuación para volver pola noite. Se imos máis lonxe, quedamos a durmir nun pavillón ou onde se poida".

Despois destes eventos, os grupos anfitrións da primeira xornada viaxan ata Redondela para repetir a experiencia, dando como resultado un intercambio de cultura e tradicións do máis enriquecedor para os participantes e espectadores dos eventos.

O baile tradicional, sen embargo, non queda exento dos estragos da crise. Santiago apénase cando conta que o maior problema aparece cando "non todos poden costear as viaxes ou o prezo do autobús. Nótase que non hai moito diñeiro e non temos na axenda moitas actuacións por agora". Iso si, remata dicindo que na zona de Redondela é onde máis adoitan ir a bailar, en festas e romarías sobre todo, e é onde pensan ir este verán.

Aínda que a falta de diñeiro pode condicionar algúns dos plans do grupo de baile Fonte do Ouro, o seu director non deixa de innovar e impulsar novos proxectos dentro da Asociación Cultural de Chapela. "Temos un proxecto pensado para o ano que vén que serían unhas xornadas folclóricas -relata-. Consistirían en traer varios monitores doutras agrupacións e facer unha 'masterclass': ensinar as nosas experiencias, coreografías, pasos e vivencias dos profesores e profesoras que participen”.

Máis de vinte anos defendendo a cultura en Chapela

A Asociación Cultural e Social de Chapela, sen ánimo de lucro, formouse coa intención de enriquecer a oferta cultural da parroquia. Nestes anos chegaron a acumular varias decenas de actividades, cursos e talleres para todas as idades e gustos.

Ademais, no seo desta asociación tamén se foron desenvolvendo os principais grupos de música tradicional e folclórica da zona. Actualmente, forman parte da mesma, ademais do Grupo de Baile Fonte do Ouro e do Grupo de Gaitas Os Xuveniles, a Banda de Música de Chapela, a Banda Escola de Música de Chapela, o Grupo de Pandeiretas Semente Nova e Grupo de Baile Xente Nova.

Á parte da música, a Asociación cultural comprende actividades e cursos de temas tan diversos como xardín musical, escola de música, piano, baile moderno, aerobic, pilates, ioga, bailes latinos, bailes de salón, hip-hop, lingua de signos, funky, sevillanas, pintura, inglés oral e diversos actos culturais.