A Escola de Música de Chapela reduce un 20% os prezos dos seus cursos

A Escola de Música de Chapela quere que os prezos non sexan un impedimento para  quen o desexe poida asistir ás súas clases; para iso asinou un convenio coa Banda de Música da parroquia que lle permite reducir os custos dos cursos un 20%. Ata agora os seus máis de 170 alumnos aboaban 31 euros mensuais; a partir de setembro só serán 26 euros.

O acordo consiste en que a Banda cederá á Escola parte do importe percibido polas súas actuacións, para subvencionar os estudos musicais.

"Este acordo de colaboración súmase a moitos outros realizados entre a Escola de Música e a Banda de Chapela, co principal obxectivo de fomentar a música, conscientes da crise", indican dende a escola nunha nota de prensa.

A Escola de Música leva máis de dúas décadas fomentando o ensino musical na parroquia e foi impulsora da Banda que acaba de cumprir 18 anos. Dende xaneiro de 2013 conta cunhas novas instalacións cedidas polo Concello de Redondela nos baixos do pavillón de deportes de Chapela.

A oferta formativa da Escola é unha das máis amplas da provincia; imparte clases de solfexo e vinte modalidades de instrumentos musicais, ademais de ludoteca musical para nenos a partir de dous anos, música e movemento de 3 a 5 anos, aulas para adultos e profesionais... O prazo de inscrición para o curso 2013-14 está aberta ata o 30 de agosto e as clases darán comezo o 11 de setembro.