CREAN UNHA LUDOTECA INFANTIL NA ESCOLA DE MÚSICA DE CHAPELA

Ademais, pretenden iniciar aos máis pequenos da casa na linguaxe musical coa posta en marcha dunha ludoteca para peques a partir dos dous anos de idade. Pola súa banda, a Banda de Música de Chapela, nacida tamén do esforzo da Asociación Cultural e Social desta parroquia, gravará un novo disco para celebrar a súa maioría de idade e os numerosos premios logrados ata a data.

A escola xorde no ano 1991 co obxectivo de formar a primeira banda de música da parroquia. O lugar de ensaio e estudo era un local cedido polo Concello nos baixos do Pavillón, que na actualidade convertéronse nunhas modernas instalacións con 340 metros cadrados. Esta ampliación, lograda en xaneiro deste ano, permitiu á dirección da escola aumentar o número de alumnos e de ensinos, converténdose “na que oferta o maior número de ensinos musicais de toda a provincia”, segundo asegura orgullosa a súa directora, Begoña Rial.

O ano pasado cursaron aquí os seus estudos 175 alumnos de idades comprendidas entre os 3 e os 65 anos. A procedencia dos mesmos é de toda a comarca, aínda que ata hai apenas dous anos a maioría eran de Chapela. Para atender a este importante número de alumnos dispoñen de 18 profesores con titulación de grao profesional e superior que imparten clases de música clásica, tradicional e moderna en vinte modalidades instrumentais, ademais de linguaxe musical, música e movemento e a nova ludoteca.

Para poder atender a estas actividades e ao crecente número de alumnos, a Escola “necesita dun orzamento de 128.000 euros pero, con todo, a nosa previsión de ingresos é de 102.000, polo que estamos a negociar con diversas administracións a posibilidade dunha axuda que permita manter a oferta educativa e musical”, explica a súa directora. Outra das alternativas é buscar “esponsor, xa que cremos que a cultura é rendible e dá prestixio ás empresas privadas que apoien un proxecto como o noso”. O que si esta descartado é subir as taxas “xa que iso iría en contra do obxectivo social da Asociación”, asegura Rial García sen dubidar.

Estas estreitezas económicas son as que lles levaron a aparcar, de forma provisional, outro dos soños dos seus responsables, como é a creación da futura escola de música e danza aproveitando a gran afección que a escola de baile da Asociación Cultural ha creado entre os veciños da parroquia, que conta xa con 130 alumnos.

A Banda de Música é a xoia da coroa da Asociación Cultural. Este ano cumpriu 18 anos, unha maioría de idade que esperan celebrar gravando un novo disco no que participarán os 40 músicos que a integran e que van desde os 9 aos 34 anos de idade. Os primeiros pasos tiveron lugar en 1991 baixo a batuta de Juan Carlos Díaz, que foi o director encargado de poñela en marcha. No ano 2000 cambian de director e pasa a estar á fronte Lourenço Filipe Silva Cruz , que lles dirixe no Cidade de Murcia, onde logran o segundo posto. Os galardóns sucédense e en 2003, xa con Francisco Abal, gañan o terceiro premio do certame provincial, onde volven quedar entre os primeiros nas seguintes edicións. En 2009 participa no primeiro Encontro de Bandas de Música Españolas en Marinador, sendo os únicos participantes galegos.