As mellores notas de Chapela
Malia que a música de banda tiña moitos namorados, non foi ata a década dos 90 cando en Chapela, ademais dos ventos mariñeiros, comezaron a soar tamén as primeiras notas de seu. Así, en 1991, a Escola da Banda de Música desta parroquia redondelana empezaba a súa andaina da man dun grupo de veciños encabezado por Alejandro Bastos. Grandes entusiastas dos ritmos bandísticos todos eles, soñaban con formar en Chapela a primeira banda de música da súa historia.
Finalmente, despois de tres anos de intensas clases, o 11 de febreiro de 1995 o seu soño convertíase en realidade e a Banda de Música de Chapela presentábase ó público apadriñada pola Agrupación Musical do Rosal e coa Banda Escola de Música de Beade como invitada.
A agrupación de Chapela iniciaba así un camiño que a ía levar moi lonxe. De feito, en 1996, no seu primeiro ano de vida, realizou unha xira por Venezuela, facendo un concerto en cada un dos centros culturais do país: Caracas, Chacao, Puerto Ordaz, Valencia, Barquisimeto, Ciudad Bolívar, etc.
Nese mesmo ano gravou un compacto con xotas e muiñeiras de diversa dificultade que a levou ó programa da TVG ‘Luar’ en varias ocasións. Igualmente, acompañou soprano Nuria Lorenzo, veciña de Chapela, na gravación do seu disco e en numerosos concertos pola provincia.
Ó longo destes quince anos a Banda de Música de Chapela tamén percorreu coa súa música gran parte do territorio galego, participando en eventos como o ‘VII Festival de Bandas de Música do Rosal’ ou os certames de Cangas, Tui, Marín e Ponteledesma, entre outros, quedando sempre como unha das bandas máis aplaudidas. Ademais, amenizou moitas verbenas na comunidade galega e tamén máis aló das nosas fronteiras actuando en Asturias, Castela e León e Portugal.
A Banda de Música de Chapela tamén se deixou engaiolar por novos e interesantes proxectos como o que levou a cabo en 1999, cando se xuntou coa Banda de Viveiro e tocaron nun mesmo escenario máis de 110 músicos.
Directores
Ata maio de 2000 dirixiu a Banda de Música de Chapela Juan Carlos Díaz Álvarez. Posteriormente fíxose cargo dela Lorenzo Filippe da Silva Cruz, co que participou no ‘XI Certame Nacional de Bandas de Música Ciudad de Murcia’, celebrado no Teatro Romea no ano 2001 e no que competiu con bandas de Granada, Valencia e Alicante, acadando o segundo premio.
En 2003, púxose á fronte da agrupación Francisco Abal Rosales e, baixo a súa batuta, a Banda de Música de Chapela participou no Día de Galicia que organizou o Centro Galego de Madrid e mesmo ofreceu un concerto na Praza Maior da capital.
Desde ese mesmo ano a formación redondelana preséntase ós certames provinciais de bandas de música da Deputación de Pontevedra, acadando sempre algún galardón. Así, na súa primeira participación fíxose co terceiro premio na sección terceira, posto que repetiu ó ano seguinte. E, en 2005 e 2006, acadou o segundo premio na sección terceira.
En setembro de 2007, tomou a batuta da Banda de Música de Chapela Severino Pedrosa Núñez, un músico nacido no seo da agrupación redondelana. Baixo a súa dirección, a banda participou en novos eventos como o Certame Zonal de Bandas de Música e o Certame Galego de Bandas de Música e, unha vez máis, volveu ser unha das agrupacións preferidas polo público, ademais de acadar merecidos premios.
En setembro de 2009, a banda foi convidada ó ‘Festival de Bandas de Música do concello de Marina Dor’, onde actuou xunto a formacións de toda España.
Máis recentemente, o pasado 17 de abril, a Banda de Música de Chapela regaláballe á parroquia un novo éxito, o primeiro premio na sección terceira no III Concurso Zonal de Bandas de Música celebrado no Teatro Municipal de Tui.
Así, despois de 15 anos, a Banda de Chapela, formada na actualidade por 45 músicos, ocupa xa un importante lugar no panorama bandístico e leva o nome de Chapela por todo o mundo.
Severino Pedrosa
Nace en Caracas (Venezuela) o 30 de marzo de 1979. Ós 14 anos de idade comeza os seus estudos musicais na escola da Banda de Música Xuvenil de Chapela na especialidade de bombardino co mestre Juan Carlos Díaz Álvarez.
En 1996 ingresa no Conservatorio de Música de Vigo na especialidade de fagot, onde estuda cos mestres Cándido Fernández Chedas, Óscar Araújo e Jesús Coello, realizando tamén diversos cursos de perfeccionamento de fagot, práctica orquestral e dirección con mestres de renome internacional coma Jan Caber, José Gomez, Eduardo Nogueroles, entre outros.
Colaborou con diversas agrupacións como a Orquestra Clásica de Vigo e a Orquesta Divertimento de Ponteareas, así como coa Banda de Música Municipal de Santiago, a Agrupación Musical do Rosal, a Cultural de Salceda, a San Miguel de Oia, a Agrupación Musical de Goián, a Xuvenil de Torroso...
Desde o ano 2000 ata o 2003 foi director da Escola de Música Municipal de Bande e director da Banda de Música da mesma localidade ourensana.
Severino Pedrosa tamén é fundador e director do Grupo Contemporáneo Tercer Milenio e desde o ano 2000 forma parte do cadro de persoal dos concertos para escolares organizados por Caixanova baixo a dirección de Carmen Losada.
Así mesmo, é mestre de fagot nas escolas de música de Torroso, Salceda de Caselas, O Rosal, Goián e na propia Chapela e na actualidade cursa estudos de dirección na Escola de Alias Estudos Ciudad de Huelva baixo a dirección do mestre Francisco Navarro Lara.
Un futuro garantido
A historia da Banda de Música de Chapela vai ligada á da súa escola, pois nas súas aulas dan os primeiros pasos no mundo da música a maioría dos seus compoñentes. A escola é, polo tanto, unha fonte de novos músicos e unha garantía de que a Banda de Chapela lle agarda unha longa vida.
Actualmente, conta con trinta nenos e nenas que pronto pasarán a formar parte da banda. Así, hoxe en día, a agrupación de Chapela xa ten entre os seus membros a músicos de tan só nove anos de idade. Os alumnos desta escola poden realizar máis de 16 actividades, entre as que se atopan solfexo, xardín musical, todos os instrumentos, danzas de diversos estilos... Nestas datas, como vén facendo desde o ano 2008, a Banda de Música de Chapela prepara xa o ‘Campus musical de verán’, que se celebra nos baixos do pavillón de deportes da parroquia. Ademais dos alumnos da escola, nesta iniciativa pode participar calquera rapaz de Chapela ó que lle guste a música. O obxectivo é que a través de diversas actividades de música e danza os nenos aprendan e, ó mesmo tempo, se divirtan.
A Banda de Música de Chapela está a planificar tamén o ‘Festival de Fin de Curso’ da súa escola, no que participan máis de 166 familias. Toda unha festa da música na que os rapaces darán boa conta do que aprenderon ó longo do ano ante un público que non escatimará aplausos. E é que non só é unha boa ocasión para comprobar os seus avances, senón tamén para gozar dunha xornada na que a música é a protagonista.
Todo isto non sería posible sen o apoio da asociación á que pertence a Banda de Música de Chapela. Unha asociación que intenta ofrecer ós seus socios un amplo abano de actividades e traballa con entusiasmo para que todo vaia adiante.