Diario de Pontevedra - Semente Nova de Chapela

Recuperar a tradición. Ese é o propósito do Grupo de Pandeireteiras Semente Nova, unha agrupación que naceu ao abeiro da Asociación Cultural e Social de Chapela e que recolle cantigas e costumes antigas e as fai revivir ao son das pandeiretas, tal e como -durante séculos- fixeron os moradores destas terras.

Con esta premisa, o grupo propúxose recuperar as cantigas, a vestimenta e os 'instrumentos' que utilizaban as xeracións pasadas para contar historias ao ritmo de golpes acompasados. Así, con todos os datos recollidos, en cada actuación do grupo reviven estas tradicións que se remontan a tempos inmemoriais, cando as mulleres, tras facer o seu traballo, empregaban o seu tempo de ocio cantando e bailando coa axuda de improvisados instrumentos. Concretamente, a formación musical comezou a súa andaina o 6 de agosto de 1994 e ten a súa sede no Multiusos do Barrio Igrexia s/n, na parroquia de Chapela, Redondela, sendo unha máis das actividades que se desenvolven na entidade.

Escola de pandeireteiras

Nos seus inicios, Semente Nova comezou como Escola de Pandeireteiras, baixo a dirección de Emilio Sotelino. Tras un ano e medio de aprendizaxe e ensaios, o grupo fixo a súa primeira presentación pública en decembro de 1995. Nesta primeira actuación, a formación Semente Nova de Chapela estivo apadriñada polos grupos de pandeireteiras de Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela, e por Maliaxe, do grupo de Coros e Danzas Lembranzas Galegas, da cidade olívica.

Dentro da historia da formación, en febreiro de 1997 aconteceu un cambio na dirección de Semente Nova, poñéndose á fronte da mesma Francisco X. Vicente. A partir desta data, o grupo comezou un longo traballo de recolleita de antigas tradicións e ensaios para recuperalas ao son da música, facendo revivir as cantigas que cantaban os maiores da localidade nas multiples actuacións que este grupo fixo por toda Galicia e polo Norte de Portugal.

En setembro de 2000 o grupo cambiou novamente de dirección, da que se fixo cargo a mestra Beatriz Cela Rojo, que, once anos despois, segue á fronte de Semente Nova.

25 componentes

Actualmente, o grupo está composto por un total de 25 persoas, cuxas idades oscilan entre os 18 e os 60 anos. Liderados por Beatriz Cela, cada xoves reúnense para traballar a prol da recuperación dos costumes populares. Aínda que os ensaios só duran dúas horas, o seu amor polas tradicións galegas non ten límite. Así o demostran en cada unha das actuacións realizadas ao longo dos seus 16 anos de historia. Unha traxectoria que os levou percorrer a xeografía galega, portuguesa e asturiana impulsando a recuperación dos costumes populares e, o que é aínda máis importante, dándolles folgos novamente. Aparte das saídas fóra das fronteiras galegas, o Grupo de Pandeireteiras Semente Nova, por medio da Asociación Cultural de Chapela, tamén realiza numerosas colaboracións con outras asociacións dos arredores, como as de Reboreda, San Vicente de Trasmañó ou Cesantes.

O traballo realizado polo grupo para rescatar do esquecemento as cantigas e costumes compleméntase coa recuperación das vestimentas que se utilizaban en tempos recuados e especialmente coa utilización dos chamados 'instrumentos pobres' como cunchas, latas de pimentón, piñas, tarrañolas, culleres e outros obxectos cos que aderezar os toques das pandeiretas e acompañar o ritmo das cantigas que se recitaban en Chapela. Melodías e sons que, en pleno século XXI, volven soar con forza.

A Directora

Nacida en 1974, desde os seus primeiros contactos coa música tradiconal, cando estaba no colexio, ata a actualidade, Beatriz Cela non deixou de formarse. Así, realizou numerosos cursiños de canto tradicional, de técnica de pandeireta e voz e linguaxe musical impartidos por profesionais como Raquel Sestelo, Uxía Pedreira, Eliseo Parra, Felisa Segade, Helen Rowson e Viv Manning (Operación Triunfo), Susa Herrera Ruiz, Felisa Segade (Leilía) ou Sonia Lebedynski.

Como experiencia profesional destacan as súas colaboracións coa Agrupación Folclórica Semileiro de Castrelos (Vigo), o Grupo de Pandeireteiras Louleada, a Agrupación Folclórica De Troula e a xira 2001/02 co grupo Spíritu 986.

No eido da docencia, exerceu como mestra de pandeireta e, nalgúns casos aínda o fai, en A. F. Andarela, Danza Pasiños, A VV Cristo da Victoria de Coia, A VV O Carballo de Sárdoma, A.F. Virxe do Alivio de Tomiño, C. P. de Pazos de Borbén, C. C. Pexegueiro de Tui, A VV de Chapela, Conservatorio Mayeusis, A.F. Terra Meiga do Viso (Redondela), A.F. San Pedro de Arantei (Salvaterra), A.X. Muimenta de Sobrada (Tomiño), Centro Social de Redondela, Centro Social de Vilaxoán, Centro Social de Tui, Casa da Xuventude de Tui, A .C. A Insua de Caldelas de Tui e C.C. Alba de Torneiros (O Porriño).

Ademais, colaborou con Xil Ríos no seu disco 'Meu País' (2001); con María Montana, no disco 'Raíces' e coa Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) en cancións de música folk.

"Son amigas, non alumnas"

A súa andaina no mundo da músi- ca tradicional, empezou da man do baile cando era pequena ata que, con 13 anos, iniciou un romance coa pandeireta que a converteu en mestra.

Así, hoxe en día, Beatriz Cela Rojo, compaxina o seu traballo como educadora especial nun gabinete psicolóxico coas clases de pandeireta que imparte de luns a sábado a numerosos grupos do Sur da provincia.

A Chapela chegou no ano 2000 e o balance destes once anos non podería ser mellor. "En Semente Nova atopei xente encantadora. Primeiro foi un grupo enorme, logo baixou moitísimo, pero, grazas ao apoio da asociación, sempre houbo grupo. Agora teño unha escola enorme. Hai cinco persoas que se mantiveron comigo desde o principio e tamén xente que empeza. É un grupazo. Aínda que a idade media ronda os 30 anos, tamén hai xente maior. Por haber, ata hai un home", explica.

Pese a diversidade do grupo, Beatriz bota algo de menos: "Gustaríame ter unha escola de nenos pequeniños para contar cunha base de xente nova que empece desde os cinco anos. Iso nunca o vivín en Chapela. Noutros sitios si que tiven a xente que creceu comigo, aquí crecemos de mozos a vellos". Malia que a ausencia de nenos no grupo pode explicarse pola falta de tradición de pandeireteiras nunha localidade que, pola súa proximidade a Vigo, se está facendo cada vez máis urbana, o certo é que os habitantes de Chapela non escatiman aplausos con Semente Nova. "A acollida é moi boa. Nós somos cantareiras e pandeireteiras. Non deixamos de lado saber o noso ritmo, pero cantando. Mesmo houbo un momento na vida do grupo que apenas tocabamos e á xente encantáballe", conta.

Entre todas as actuación realizadas desde que está a fronte de Semente Nova, Beatriz non é quen de rescatar unha. "Todas foron especiais. En cada sitio que fomos pasámolo moi ben, aínda que non nos fixeran caso. Diciamos 'non pasa nada, é un ensaio máis'. O máis especial é a convivencia porque, ás veces, vas a sitios e tardas moitas horas en actuar e ris, contas a túa vida e pásalo fenomenal", sinala. "Hoxe por hoxe, podo decir que teño amigas en Chapela, non alumnas", engade.

Soños

Teno máis claro cando se lle pregunta polos soños: "Tiñamos unha meta de gravar un disco e enfriouse. Pero eu creo que é un soño que se pode cumprir a curto prazo. Hai boas voces, acoplámonos ben e, ao mellor, en breve é posible gravar, alomenos, unha maqueta para ter un recordo que quede para a toda vida". Sobre o futuro de Semente Nova tampouco ten dúbidas: "É unha asociación que se implica e co bo ambiente que hai eu creo que isto vai seguir para adiante 10 e 20 anos máis. Eu espero ter forzas para continuar con todos eles".